«Todo obedece ao interese dos Estados Unidos por desgastar a Rusia»

| |

—Na súa calidade de empresario con negocios en Rusia, como está a afectar a situación en Ucraína ás relacións comerciais entre a Galiza e Rusia?

As relacións comerciais entre empresas galegas e rusas son importantes, e está claro que poderían ter consecuencias. En primeiro lugar, afecta a Inditex, que ten precisamente en Rusia o seu mellor mercado internacional, onde conta con varios centenares de tendas e perto de 10.000 empregados. O contexto complica a situación empresarial do xigante galego do téxtil en Rusia, debido a que xa afecta á súa cotización en bolsa.

Podería afectar tamén á subministración de gas, xa que a Galiza é a porta de entrada do gas ruso á península ibérica. A través da regasificadora de Reganosa, en Ferrol, prodúcese a descarga máis importante de gas natural procedente da planta do Ártico ruso. Se esta subministración decaese, tamén se reducirían significativamente os ingresos da Autoridade Portuaria de Ferrol, e este feito afectaría negativamente a todo o ecosistema de empresas provedoras do porto.

Tamén ao comercio bilateral entre Rusia e a Galiza. Un bo número de empresas galegas exportan ao mercado ruso. Estamos a falar de moitas empresas auxiliares do sector naval ou do sector pesqueiro.

Por último, danse outras incidencias derivadas do intento de substituír o gas natural ruso polo estadounidense. Hoxe [por onte] mesmo informáronme dunha empresa de transporte de Santiago que renovou a súa frota de camións para utilizar o gas natural como combustíbel. Debido ao incremento do custo do gas e á incapacidade de repercutilo aos seus clientes, a empresa entrou en concurso de acredores.

—Ademais da súa faceta empresarial, vostede tamén é cónsul honorario de Rusia na Galiza. Que valoración fai da situación que se vive hoxe en Ucraína e da crise aberta entre Rusia e os Estados Unidos?

A situación non é en absoluto nova. O conflito que hoxe coñecemos comeza a finais de 2013 logo dunha fortísima crise económica en Ucraína na que o presidente electo, Viktor Yanukovich, foi destituído ilexitimamente por un golpe de Estado no que Estados Unidos e a Unión Europea meten presión cunha promesa irrealizábel a curto e medio prazo como é estudar a incorporación de Ucraína na UE. Pero as intención non eran esas, senón afastar o país da estreita colaboración estratéxica con Rusia, da que sempre gozou Ucraína.

A esa promesa, a poboación ucraína, fortemente identificada con Rusia, rebelouse, especialmente nos territorios da península de Crimea e da rexión do Donbass, no leste de Ucraína. Estados Unidos contraatacou aos referendos deses territorios con sancións internacionais ilegais e ilexítimas. Polo tanto, a miña valoración é que existe unha evidente interferencia dos Estados Unidos e da OTAN con obxecto de desgastar a Federación Rusa utilizando a escusa ucraína.

— Como explica a decisión do Goberno estadounidense de enviar máis de 3.000 soldados ao leste de Europa?

A política americana do medo é tratar de afastar outros problemas. O gran fracaso que foi Afganistán para os Estados Unidos trata de ser agora compensado cun despregue que permita máis horas de propaganda e medo.

Estados Unidos ten máis de 200.000 efectivos despregados por máis de 180 países. É mais, o 39% do gasto militar mundial corresponde a Estados Unidos, fronte a 2,67% que gasta Rusia. Pregúntome que pensaría Estados Unidos se Rusia despregase máis de 3.000 soldados en México ou no Canadá.

—Neste contexto, cal é a súa análise sobre a posición da Unión Europea de apoio á estratexia de Estados Unidos e da OTAN?

Dentro de Europa existen posturas moi contrarias ao conflito. Grandes países europeos como Francia, Alemaña ou Italia entenden que Rusia é un socio de primeira orde en todas as esferas posíbeis, como a financeira, industrial ou a enerxética. Polo e tanto, son conscientes de que todo conflito con Rusia debilita Europa no seu conxunto. A quen menos beneficia o conflito é xustamente a Europa enteira.

—Un dos Estados da UE cunha posición máis belixerante en relación con Rusia é o español, a que pensa que responde?

Permítame vostede absterme de facer comentarios á política interna do Estado por un respecto institucional. Hai uns días o embaixador de Rusia xa valorou as accións do Goberno, polo cal remítome a esas declaracións.

Escoitando as palabras de Pedro Mouriño, sorprenden as informacións do Executivo estadounidense a respecto dunha inminente intervención rusa en Ucraína. O cónsul honorario de Rusia considera que obedecen «ao interese dos Estados Unidos por desgastar a Rusia». «O seu recente fracaso en Afganistán, as súas propias crises políticas cun presidente, Biden, moi cuestionado no seu país, e o interese en activar un medo infundado e incerto a que Rusia poida utilizar o gas como arma política para substituír o ruso polo gas americano» son, di Mouriño, cuestións chave na situación. «Todo o demais é política do medo. Como mostra diso foron as publicacións na axencia Bloomberg dun suposto informe de «servizos secretos» que amosaban o plan ruso para intervir en Ucraína. Logo a axencia tivo que recoñecer que a información publicada era falsa. Todo isto lembra ao episodio das armas de destrución masiva de Iraq», afirma.

Previous

Xavi pone a Simeone en su sitio con un palo descomunal

Cataluña, más cerca de albergar parte del Mundial de fútbol de 2030

Next

Deja un comentario