Rusia rexeita a resposta da OTAN e EUA sobre garantías de seguridade en Europa

| |

As autoridades de Rusia rexeitaron na sexta feira a resposta presentada por Estados Unidos e a OTAN ás propostas de Moscova sobre a seguridade en Europa, segundo informou a portavoz do Ministerio de Exteriores, Maria Zakharova. «Rexeitamos a resposta colectiva […] Agardamos unha resposta detallada á nosa pregunta a cada país», afirmou en referencia á carta que o Goberno ruso enviou a varios Estados membros da OTAN.

Con todo, sinalou que «non hai nada que debater» en relación co principio de indivisibilidade da seguridade europea xa que este está recollido nos documentos da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) subscritos por diplomáticos dos distintos países.

«Esta medida non pode ser cualificada máis que como unha mostra de descortesía diplomática e unha falta de respecto á nosa petición», lamentou, segundo recolleu a axencia rusa Sputnik.

A diplomática sostivo que a OTAN e o bloque comunitario insisten en manter o papel preponderante en materia de seguridade, algo que resulta «inaceptábel». «Na Carta da OSCE sobre a Seguridade Europea, adoptada ao máis alto nivel en 1999, e na Declaración conmemorativa de Astana de 2010, estabelécese de forma clara e inequívoca que ningún Estado, grupo de Estados ou organización poderá arrogarse unha responsabilidade superior para o mantemento da paz ou da estabilidade na área da OSCE», recordou.

Ademais, fixo un chamamento claro á comunidade internacional para que cumpra «cos seus compromisos asumidos, incluídos os dos Acordos de Minsk», cos que se busca pór fin ao conflito no leste de Ucraína.

Con base a outro documento da OSCE, o de Viena de 2011, é que tamén onte Ucraína solicitou formalmente a Rusia que dea «explicacións detalladas» sobre as súas actividades militares nas áreas adxacentes ao país e en Crimea, segundo informou o ministro de Exteriores ucraíno, Dimitro Kuleba, a través da conta de Twitter.

Ameaza «inminente»

Por outra parte, o presidente dos EUA fixo un chamamento á cidadanía estadounidense que fica en Ucraína para que abandone inmediatamente o país, citando un suposto incremento na ameaza dunha invasión rusa. 

Joe Biden asegurou que EUA non enviará militares ao rescate de estadounidenses chegado o caso, e asegurou que «as cousas poderían descontrolarse axiña».

Outros Gobernos como os de Reino Unido, Países Baixos ou Corea do Sur lanzaron alertas similares aos seus cidadáns.

Moscova e Kiev anunciaron na noite da quinta feira que as conversas de máis de nove horas con representantes dos Gobernos francés e alemán non deran froitos.

Previous

La extraña petición del Madrid en Haaland

L’enèsim fracàs de Sergio Ramos al PSG

Next

Deja un comentario