Remata sen acordo a terceira rolda de negociacións entre Ucraína e Rusia

| |

As delegacións rusa e ucraína remataron na tarde desta segunda feira a terceira rolda de negociacións, decorrida en territorio belaruso, con «pequenos avances» para mellorar a loxística dos corredores humanitarios.

O negociador enviado por Kiev, o xefe da Oficina de Presidencia, Mijailo Podoliak, afirmou que «se farán mudanzas» a respecto destes corredores; porén, dado que «non hai resultado que mellore significativamente a situación», ambas as partes proseguirán as negociacións nos vindeiros días, segundo recolle a axencia Europa Press.

Os corredores humanitarios suscitaron polémica por parte de ambos os bandos nas últimas horas. Por unha parte, Ucraína denunciaba que as rutas propostas por Moscova desembocaban en Rusia e Belarús; por outra, desde o Kremlin acusaban o Exército ucraíno de «incumprir» o alto o fogo decretado nas primeiras horas do día para evacuar estas persoas.

De feito, esta foi, xunto cun hipotético «alto o fogo», a principal cuestión abordada na reunión, que tivo lugar a porta fechada e durou máis de tres horas.

O representante ruso, Vladimir Medinski, lamentou que as expectativas do seu país «non se cumpriron», segundo informa a axencia rusa Sputnik.

«Chegamos cunha gran cantidade de documentos, trouxemos acordos, proxectos e propostas concretas. Esperabamos que hoxe [por esta segunda feira] fose posíbel asinar, cando menos, un protocolo a respecto das cuestións nas que semellabamos ter alcanzado un acordo, mais a parte ucraína levou todos os documentos á casa para estudalos e non puidemos asinar nada», dixo.

Aliás, a axencia Tass informa de que Medinski engadiu: «Agardamos que a próxima vez poidamos dar pasos máis significativos; as negociacións continuarán».

Previous

De enamorar a Mourinho a aterrizar en el Barça de Xavi tras una gran Eurocopa

Riqui Puig podría ser clave para el futuro de Adama Traoré

Next

Deja un comentario