A fragata ‘ Blas de Lezo’ partiu na mañá de hoxe, día 22 de xaneiro, do Arsenal Militar de Ferrol, onde ten a súa base, rumbo a unha zona do Mar Negro en plena crise entre Rusia e Ucraína.
O buque integrarase nunha das agrupacións da OTAN, a SNMG-2, no Mar Mediterráneo, na que se integran unidades navais dos distintos países aliados.
Todo iso tras ter que atrasar a súa saída por un problema derivado das probas da Covid realizadas á dotación, xa que tiña previsto emprender a súa viaxe ás 22,00 de onte, día 21.
A función desta agrupación é dotar á OTAN dunha capacidade de reacción operativa inmediata en escenarios navais nun escenario como o Mar Negro que actualmente está cualificado como «quente» ante a escalada de tensións na zona.
A día de hoxe, uns 100.000 militares rusos están estacionados na fronteira, en tanto que Canadá, EUA, Reino Unido, e varios países da UE -incluídos o Estado español- facilitan ou prometen armamento e tropas a Ucraína.
O xefe da diplomacia estadounidense, Antony Blinken, dixo estar comprometido coa vía diplomática, mais «se Rusia continúa coa agresión contra Ucraína, daremos unha resposta unida, rápida e severa».
Pola súa banda, o seu homólogo ruso manifestou que «non hai intención de atacar Ucraína» e que «a histeria actual dos nosos colegas occidentais» vai encamiñada a «ocultar» a intención de Kiev de «sabotar os acordos de Minsk» (acordos para pór fin á guerra no leste de Ucraína ou Donbass).