O rublo ruso revalorízase a respecto do comezo da invasión a Ucraína

| |

A moeda rusa chegou a cotizar nesta sexta feira a 71,4 rublos por dólar, mentres o seu último feche estivo nos 75,7, o que supón unha revalorización respecto aos 84 nos que estaba ao comezo do conflito en Ucraína, o pasado 24 de febreiro. 

A suba da cotización da moeda rusa anulou a caída que experimentara ao inicio da invasión de Ucraína polas sancións internacionais a Rusia, que levaron a divisa a mínimos históricos, alcanzando un valor de feche de 143 rublos por dólar a 7 de marzo e chegando a cotizar a 158,3 durante o transcurso daquela xornada. 

Unha apreciación do rublo en marzo que se mantivo nestes días de abril, mellorando a súa cotización a respecto do dólar en máis de 70% desde o momento no que alcanzou valores mínimos históricos a comezos da guerra.

O cambio introducido por Rusia do emprego de rublos para os pagamentos das exportacións de gas e a obriga das empresas exportadoras de converter 80% dos seus ingresos en divisas en rublos son os principais motivos que están a manter o valor desta moeda. Ademais, Rusia cumpriu con todas as súas obrigas de débeda até o momento e os produtores de enerxía e o corpo de funcionarios do Goberno ruso teñen deixado claro que os seus posuidores de débeda deben aceptar o rublo ruso se queren cobrar.

A valorización do rublo podería ser un sinal de que as sancións impostas a Rusia non están a funcionar con toda a forza que Ucraína e os seus aliados tiñan planeado. Por outra parte, todo parece indicar que os esforzos de Rusia para apontoar a súa moeda están tendo éxito ao aproveitar a dependencia doutras economías do seu sector do petróleo e o gas.

Outra das principais medidas do Estado ruso foi a de elevar a taxa de interese de 9,5% a ​​20% e impor restricións ao movemento de capitais ás contas bancarias estranxeiras, co que conseguiu inducir a poboación a manter os seus fondos en Rusia evitando unha fuga de capitais en cadea e que se depreciase aínda máis a divisa nos seus peores momentos de cotización a comezos do mes de marzo, no inicio da invasión a Ucraína. Con respecto ao comercio internacional de enerxía, os países que desexen adquirir gas natural ruso deben abrir contas especiais en Gazprombank, un banco controlado polo Estado ruso, feito que fai posíbel o cambio de moeda estranxeira a rublos de modo automático coas operacións.

Tampouco sofren os «oligarcas rusos»

As sancións impostas a Rusia non están a conseguir o obxectivo de afogar a economía rusa, ou polo menos non na medida esperada polos países que as están a impor, como demostra o feito da revalorización do rublo. 

Outra das medidas que dicían buscar a Unión Europea (UE) e o Reino Unido era apremar economicamente aos chamados «oligarcas rusos». Con todo, este obxectivo tampouco se conseguiu xa que, segundo publicou o diario inglés The Guardian, as sancións non están impedindo que os avións privados vinculados a estes magnates sigan voando desde aeroportos da UE e do Reino Unido. 

Mentres, a cidadanía de Estados como o español segue sufrindo a suba dos prezos e un importante empobrecemento social. No caso de que os custos da enerxía e as materias primas sigan altos debido ao conflito e as sancións, de acordo con cifras das previsións da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), o crecemento da eurozona reduciríase aproximadamente 1,5% e a inflación subiría 2%.  As previsións negativas con respecto ao crecemento económico da UE foron mesmo recoñecidas polo actual vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos.

Evolución do rublo

84 por dólar era o valor de cambio do rublo a 24 de febreiro, ao comezo da guerra en Ucraína. 158,3 por dólar foi a depreciación máxima que  alcanzou o rublo durante a guerra, a 7 de marzo. 71,4 por dólar foi a valorización máxima que alcanzou onte o valor do rublo.

Previous

Florentino Pérez ve esfumarse una operación millonaria

Gavi ja hauria decidit el seu futur

Next

Deja un comentario