Israel, o apartheid e a escusa do racismo

| |

«Israel non é un Estado de toda a súa cidadanía […] senón o Estado nación do pobo xudeu e unicamente deste». Esta declaración publicada en redes en marzo de 2019 polo entón primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, encabeza o último informe de Amnistía Internacional (AI) sobre o conflito palestino. O título non pode ser máis explícito: O apartheid israelí contra a poboación palestina. Cruel sistema de dominación e crime de lesa humanidade.

Dous puntos salientan no documento de 280 páxinas: Israel está a cometer «o crime do apartheid contra os palestinos» e debe ser considerado responsábel de tratalos como «un grupo racial inferior». Opresión e dominación sobre o pobo palestino. Esa, sostén, é a política israelí como Estado ocupante. 

Apropiación de terras, execucións ilegais, desprazamentos forzados, restricións de movementos, detencións administrativas (arrestos con base en «probas secretas») e a negación da nacionalidade e a cidadanía á poboación palestina (negación, polo tanto, de dereitos). Un sistema «sustentado en violacións» que «constitúe un apartheid, un crime contra a humanidade», a principal ONG do mundo en defensa dos dereitos humanos.

«Propaganda terrorista»

O informe foi presentado esta terza feira nunha conferencia de prensa en Xerusalén Leste, que contou coa presenza dunha das familias recentemente desaloxadas do icónico barrio de Sheikh Jarrah. Na véspera, tras filtrarse o documento, o Goberno israelí cargaba contra AI, acusándoa de «racista». «Non é unha organización de dereitos humanos, senón outra organización radical que se fai eco da propaganda […] difundida por organizacións terroristas», apuntaba o Ministerio de Exteriores nun comunicado. O seu máximo responsábel e próximo primeiro ministro israelí, Yair Lapid, cualificaba o informe de «antisemita». 

«O frecuente uso do termo ‘antisemitismo’ por parte de Israel desacredita a súas acusacións e demostra que só o usan como unha ferramenta proactiva para intimidar activistas, persoas críticas e organizacións», reflexionaba ao respecto a ONG de dereitos humanos Euro-Med Monitor.

O informe de Amnistía Internacional é o segundo en menos dun ano elaborado por unha organización internacional de dereitos humanos que cualifica o sistema israelí de «apartheid». En abril de 2021, Human Rights Watch (HRW) publicaba o informe Un limiar foi cruzado: as autoridades israelís e os crimes de apartheid e persecución. Poucos meses antes a ONG israelí en defensa da paz B’Tselem describía Israel como un Estado cun «sistema de apartheid» entre o río Xordán e o mar Mediterráneo.

Como seres humanos

No documento presentado esta terza feira (dispoñíbel na súa web en árabe, hebreo, inglés e español), AI solicita ao Consello de Seguridade da ONU que impoña un embargo de armas a Israel, ademais doutras sancións, como a «conxelación de activos» ás autoridades israelís «implicadas no apartheid».

A secretaria xeral de AI, Agnes Callamard, salientou que o informe pon de manifesto «o auténtico alcance do réxime do apartheid israelí». «Tanto se viven en Gaza, como en Xerusalén Leste ou no resto de Cisxordania, ou no propio Israel, a poboación palestina é tratada como un grupo racial inferior e privado sistematicamente dos seus dereitos». 

«Israel debe desmantelar o sistema do apartheid e comezar a tratar os palestinos como seres humanos cos mesmos dereitos e dignidade», concluíu Callamard. 

Décadas de políticas á busca da «maioría demográfica xudía»

Desde que se estabeleceu en 1948, Israel levou a cabo unha política encamiñada a estabelecer e manter «unha maioría demográfica xudía», apunta o informe de AI. Situación que se intensificou tras a guerra de 1967 coa ocupación dos territorios historicamente palestinos.

O ministerio de Exteriores palestino, nun comunicado, exixiu ao Consello de Seguridade «tomar nota das probas concluíntes expostas por AI» e aplicar «sancións» a Israel. A UE tamén se pronunciou: defendeu o informe de AI e prometeu estar «vixiante».

Previous

La última crítica a Messi es de las más feroces jamás escuchadas

Xavi ja ha decidit quin fitxatge descartarà a l’Europa League

Next

Deja un comentario