Hebreo no Bundestag para marcar o Día do Holocausto

| |

Crebado pola emoción e con bágoas nos ollos, o presidente do Parlamento israelí (Knesset), Mickey Levy, pronunciou onte un histórico discurso en hebreo ante o Parlamento alemán (Bundestag) para conmemorar o Día do Holocausto. 

Durante a súa intervención, Levy recitou parte do Kaddish, un dos rezos principais na relixión xudía. Leuna do libro que usou no seu Bar Mitzvah ─cerimonia similar á Confirmación no catolicismo─, o 22 de outubro de 1938, poucos días antes do Kristallnacht («A noite dos cristais rotos»), o pogrom instigado polos nazis contra os xudeus de Alemaña e que se considera o paso previo ao Holocausto posterior.

Ante a presenza de representantes parlamentarios e das máximas autoridades do Estado, o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier, e o chanceler, Olaf Scholz, así como outros mandatarios ou a supervivente do Holocausto Inge Auerbacher, Levy advertiu sobre a «fraxilidade da democracia» e sobre o crecente antisemitismo contra os xudeus alemáns.

«Aquí, neste histórico edificio, a sede do Parlamento alemán, un pode captar ─aínda que sexa lixeiramente— a capacidade dos seres humanos de tirar proveito da democracia para destruíla», sinalou o presidente da Knesset, en referencia aos pasos dados polo nazismo, desde que era unha forza parlamentaria até que instaurou un réxime ditatorial. 

«É un lugar onde a humanidade ensanchou os límites da maldade; un lugar onde a perda de valores converteu un marco democrático nunha tiranía racista e discriminatoria», engadiu.

Repunta na xenofobia

Esta xornada internacional de lembranza do Holocausto foi tamén marcada pola ONU. Dunha maneira especial dado que, tal e como salientou o seu secretario xeral, o Holocausto «definiu as Nacións Unidas». 

António Guterres recordou que a Carta de San Francisco estaba a ser redactada «ao tempo que o campo de concentración de Dachau era liberado». Tamén el alertou do crecente antisemitismo na sociedade, e en xeral da «alarmante repunta no odio e na xenofobia».

«En memoria das vítimas do Holocausto, e en respecto polos superviventes, nunca esquezamos. Unámonos pola verdade, pola paz e pola xustiza para todos», pediu o político portugués.

Previous

El Barça hace oficial la incorporación de Adama Traoré

Benzema rep una oferta molt interessant per marxar del Madrid a l’estiu

Next

Deja un comentario