António Costa, «rei e senhor de Portugal»

| |

El presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, comeza nesta terza feira as audiencias cos partidos que conseguiron representación parlamentaria nas lexislativas do domingo. A derradeira será na cuarta, tras a que se agarda que propoña formalmente o primeiro ministro. Ese nome será o de António Costa, líder do Partido Socialista (PS), o gran triunfador da noite electoral. 

Foi a gran derrotada da noite, Catarina Martins, a primeira en comunicar que o PS atinxira a maioría absoluta. A líder do Bloco de Esquerda (BE) non dimitiu, mais fica nunha situación complicada tras perder 14 dos 19 asentos que tiña na Assembleya da República. Asumiu o «mau resultado» e xustificouno pola «sucedida estratégia» de Costa de «criar uma crise artificial» durante a campaña, que xerou un voto útil penalizando os partidos á esquerda do PS.

Porque tamén o Partido Comunista Português (PCP), que concorreu como en outras ocasión cos Verdes na coalición CDU, perdeu representantes, pasando de 12 a 6. Isto é, o peor resultado desde 1976. Na terza feira está prevista unha reunión do Comité Central. O domingo, o seu líder, Jerónimo de Sousa, incidía en que «a extrema promoção da bipolarização, beneficiou o PS, apesar da sua postura de fuga às respostas necessárias ao país».

O certo é que coa porcentaxe de votos obtida, o BE (4,46%) e a CDU (4,39%) non poderían nin sequera entrar, por exemplo, no Parlamento galego, que ten fixada a barreira electoral en 5%. En Portugal, non obstante, este límite mínimo está prohibido pola Constitución.

A falta de asignar os catro deputados da emigración ─dous de Europa e dous de fóra─, o PS erixiuse como o partido mais votado nas lexislativas do domingo, con 41,68% dos votos e 117 deputados (en 2019, os socialistas lograron dous deputados máis grazas a ese voto exterior). 

O principal partido da oposición, Partido Social Democrata (PSD, dereita liberal), foi segundo, con 27,80% dos votos e 71 deputados (79, en 2019). O seu líder, Rui Rio, abriu a porta á dimisión, aínda que mantén unha posición de forza, rodeado de afíns no Parlamento, despois das últimas eleccións internas.

Vitoria pírrica

O Chega (extrema dereita), terceiro, con 7,15% e 12 deputados, e Iniciativa Liberal (IL), cuarto, com 5% e oito deputados, desbancaron e relegaron ao quinto e sexto postos os bloquistas e comunistas. Era este o principal obxectivo do líder ultradereitista, un exultante André Ventura que cargou contra Rio e se autoerixiu como a auténtica oposición. Porén, con apenas sete de cada cen votos, a ‘vitoria’ da ultradereita ficou en pírrica: se loce é indirectamente, polo ocaso do BE e do PCP, eclipsados polo PS de Costa.

O primeiro ministro fixo sangue dos seus antigos socios de geringonça, o pacto das esquerdas que o levou por primeira vez ao Goberno tras as eleccións de 2015. «Os portugueses mostraram um cartão vermelho a qualquer crise política, desejam estabilidade, com certeza, segurança e um Governo do PS para os próximos quatro anos», afirmou o domingo pola noite.

Mais prometeu diálogo. «Uma maioria absoluta não é poder absoluto, não é governar sozinho, é uma responsabilidade acrescida», salientou tras uns comicios cun importante descenso na participación, de 51,4% en 2019 (prepandemia) a 42,04%.

A pantasma de Sócrates

O xornal conservador Observador ─ademais de asegurar que «a vitória socialista deixou PSD novamente de pantanas»─ centrouse nos próximos catro anos coa vista posta no pasado. «Costa absoluto promete ser diferente de Sócrates», sinalaba na segunda feira en referencia á última e até o domingo única maioría absoluta do PS, a de José Sócrates en 2005, con 120 escanos.

O ex primeiro ministro é lembrado por estar á fronte do Goberno durante a gran crise de inicios da década de 2010 que arrasou o país e por solicitar o rescate da troika co apoio da dereita. A día de hoxe está pendente de ser xulgado por varios delitos de corrupción cometidos durante o seu mandato. 

A respecto do triunfo de Costa, esquerda.net (portal de información do BE) sostivo que «a pressão do voto útil concentrou o voto da esquerda no PS e garantiu-lhe uma maioria absoluta no Parlamento». Mentres, no diario Público, afín ao PS, o analista João Miguel Tavares considerou que «foi uma noite histórica para o PS e para António Costa, e a vitória mais saborosa de sempre, porque ninguém estava à espera do que aconteceu». 

«O PS aguentou o seu centro e destruiu a sua esquerda. O muro caiu em cima do Bloco e do PCP, e o PS recolheu os escombros. António Costa é rei e senhor de Portugal», resumiu Tavares. 

Previous

Laporta revela antes del cierre de mercado el probable destino de Dembélé

«El Forensic no descarta que la junta de Bartomeu se enriqueciera»

Next

Deja un comentario