A amnistía «privará de xustiza» a Irlanda

| |

«As familias necesitan saber máis, quen matou os seus seres queridos; necesitan ter acceso á información», manifestaba o pasado domingo o primeiro ministro de Irlanda, o taoiseach Micheál Martin, no acto de homenaxe en Derry ás 14 vítimas mortais do Bloody Sunday («Domingo Sanguento»).

O 30 de xaneiro de 1972, soldados británicos do Rexemento de Paracaidistas dispararon contra os manifestantes dunha marcha convocada pola Asociación polos Dereitos Civís de Irlanda do Norte. Un total de 13 persoas morreron no acto e unha máis faleceu meses despois a causa dos impactos de bala. Ademais, 15 resultaron feridas de diversa gravidade.

Martin mantivo esta quinta feira unha reunión con vítimas do conflito vivido en Irlanda do Norte entre 1968 e 1998, eufemisticamente denominado Troubles («Problemas»). Vítimas tanto da violencia dos unionistas e do Estado británico como dos nacionalistas republicanos. Vítimas, todas, que se opoñen á proposta de amnistía xeneralizada presentada por Londres en xullo de 2021.

O Goberno do Reino Unido considera que bloquear a investigación destes crimes, entre estes os cometidos polas forzas de seguridade do Estado, axudará co proceso de reconciliación. 

A proposta, que debe ser aínda presentada en Westminster para o seu debate e votación, conta coa oposición dos laboristas británicos e, sobre todo, das forzas políticas en Stormont (a Asemblea de Irlanda do Norte) e do Goberno da República de Irlanda.

«Todos os partidos de Irlanda do Norte son moi claros ao respecto de non quereren amnistías; queren que se aplique o debido proceso xudicial», comentaba Micheál Martin á TV pública, RTÉ, o domingo pasado. Na cuarta feira volveu insistir no Dáil, o Parlamento irlandés: «Fechar completamente a vía da xustiza para as familias non é só profundamente inxusto, senón que socavaría tanto o estado de dereito como o noso traballo conxunto para unha máis fonda reconciliación».

Un panel de expertos do Consello de Dereitos Humanos da ONU xa expresaba en agosto pasado a súa «fonda preocupación» por que o plan de amnistía «frustre o dereito das vítimas á verdade e a unha cura eficaz polo dano sufrido», colocando o Reino Unido nunha «violación flagrante das súas obrigas internacionais».

Reflexión, a respecto da conculcación do dereito internacional, compartida por Dunja Mijatović, a comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, organización líder no continente na defensa destes dereitos fundamentais. 

«Medo» á verdade

Dublín trasladou a Mijatović, así como ao Goberno do Reino Unido e ao de Estados Unidos (parte esencial do Acordo de Paz de Venres Santo) a convicción de que «só a través dun achegamento colectivo» se poderá abordar «con xustiza e integralmente» o legado dos Troubles, dun maneira «aceptábel para as familias das vítimas».

Michael McKinney, irmán de William, un dos asasinados no Bloody Sunday, afirmou ao xornal inglés The Guardian que o Goberno británico quere estabelecer a amnistía «porque ten medo a que os militares, espías e funcionarios sexan expostos e o seu papel como combatentes e catalizadores da guerra en Irlanda posto de relevo arredor do mundo», expuxo. 

A xustiza británica absolveu nos últimos meses varios ex militares, por exemplo, en relación co asasinato en 1972 do dirixente do IRA Joe McCann. Os autores do masacre de Ballymurphy tampouco foron investigados (só, recentemente, para determinar que os asasinados eran «inocentes»). E apenas un soldado británico foi acusado polo Bloody Sunday. 

Dimisión de Givan na enésima crise polo protocolo norirlandés

A dimisión de Paul Givan, primeiro ministro de Irlanda do Norte, confirmouse esta quinta feira en Belfast, unha medida que o unionista decidiu tomar en protesta contra o protocolo norirlandés entre a UE e o Reino Unido, segundo informou a TV británica BBC. A crise reavivouse na noite da véspera, cando o ministro norirlandés de Agricultura, Edwin Poots, anunciou que se deixaban de aplicar os controis aduaneiros previstos no protocolo aos produtos que chegan a Irlanda do Norte desde a illa de Gran Bretaña. A renuncia de Givan (DUP) implica tamén a caída da viceprimeira ministra, a nacionalista Michelle O’Neill (Sinn Féin), polo pacto de poder compartido en Belfast. 

Previous

El Athletic gana la partida de ‘pinball’ y elimina al Madrid (1-0)

Pep Guardiola quiere mangar una de las jóvenes promesas del Barça

Next

Deja un comentario